Hai camiños que se percorren cos pés e outros que se percorren por dentro. O Camiño de Santiago que realizaron persoas do Centro de Inserción Social (CIS) Carmela Arias e Díaz de Rábago foi, sobre todo, unha oportunidade para avanzar, compartir e mirar cara ao futuro.
Pero, que é un CIS? Os Centros de Inserción Social forman parte do sistema penitenciario e acompañan persoas que se atopan nunha fase avanzada do cumprimento da súa pena, favorecendo a súa progresiva incorporación á vida en liberdade. É un momento no que recuperar vínculos, asumir responsabilidades e ir construíndo un novo proxecto de vida resulta especialmente importante.
Neste contexto nace esta experiencia do Camiño de Santiago de persoas privadas de liberdade, organizada pola Pastoral Penitenciaria da Conferencia Episcopal Española, na que participaron persoas procedentes de distintos centros penitenciarios. Durante estes días puideron saír do espazo habitual, camiñar xuntos, conversar, escoitarse e vivir unha experiencia diferente, na que cada etapa se converteu tamén nunha ocasión para pensar na propia vida e no que queda por diante.
Porque o Camiño non remata ao chegar a Santiago. Para quen está a vivir un proceso de inserción, cada paso pode representar unha nova oportunidade: afrontar dificultades, recuperar vínculos, pedir axuda cando é necesario e ir construíndo pouco a pouco un proxecto de vida en liberdade.
Desde a Pastoral Penitenciaria, acompañar estas experiencias significa confiar nas persoas e na súa capacidade para comezar de novo. Significa tamén derrubar prexuízos e lembrar que ninguén debe quedar definido para sempre polos seus erros ou polo seu pasado.
No Camiño compartimos cansazo, conversas, silencios, pedras e tamén esperanza. E chegamos a Santiago coa certeza de que o camiño de cada persoa continúa moito máis alá da meta.
Unha experiencia para lembrar que sempre é posible avanzar, que sempre hai futuro e que ninguén debería camiñar só.
Yolanda Sánchez
Delegada de Pastoral Penitenciaria



